lunes, 13 de marzo de 2017

Saúde, atención sanitaria e negocio

Hai unhas semanas -22 de febreiro- os recortes no sistema sanitario público foron obxecto de debate no Parlamento de Galiza. Debate no que o goberno da Xunta de Galiza (PP) e a oposición (En Marea, PSdG-PSOE e BNG) mantiveron posturas claramente enfrontadas.
O dogma neoliberal –no que se aliña o PP de Galiza- subliña que a atención sanitaria é un nicho máis para a iniciativa privada, para o negocio. Así os partidarios deste dogma consideran que os enfermos non son pacientes senón clientes que compran un produto tal como si foran consumidores e a atención sanitaria un mercado. Neste pensamento o coidado da saúde é unha mercancía mais que debe someterse ao libre xogo da oferta e a demanda.
Un pensamento que parece esquecer que neste caso a demanda  non é libre pois o paciente non escolle libremente a doenza senón que lle ven dada para a súa desgraza. Un pensamento, xa que logo, que oculta deliberada e conscientemente que non hai libre concorrencia, que esta non é posible na atención sanitaria. Non so non hai libre concorrencia senón que a privatización e a mercantilización da atención sanitaria leva, como sucede con tódolos mercados, a separar a demanda –aos pacientes- en grupos, segundo a súa capacidade adquisitiva –ricos e pobres- e segundo o lugar de residencia –urbana, rural-, independentemente do doenza que padezan. Velaí por caso o que sucede nos Estados Unidos   -cuxo sistema sanitario está financiado maioritariamente por capital privado- onde máis do 15% da poboación non ten cobertura médica, o que converte a atención sanitaria no principal problema domestico. Algo que xa empeza a pasar en Galiza e en España, e pasa en todos aqueles estados alí onde se aplican os criterios neoliberais.
Uns criterios políticos no que o Goberno de torno –como sucede coa actual Xunta de Galiza- aposta por potenciar a oferta privada. Unha oferta privada de servizos e produtos sanitarios que controla o grande capital –multinacionais, capital financeiro e construtoras maiormente-.  Unha oferta, xa que logo, que anda a procura da máxima ganancia e que, por iso mesmo, non se axusta as necesidades da demanda, nin moito menos ten un carácter universal senón que se guía polos criterios anteriormente citados. Uns criterios que supoñen que o capital privado nin está interesado en moitos dos servizos e produtos sanitarios que precisa a poboación demandante nin na atención a pacientes con determinadas patoloxías. De feito esta demostrado que a sanidade privada transfire a sanidade pública os pacientes graves con tratamentos mais custosos quedándose cos mais rendibles, como por caso as operacións de pequena cirurxía ambulatoria.
Crease así un sistema sanitario no que a administración pública so lle vai quedando o papel de subsidiaria o que significa cubrir aquela demanda de infraestruturas e servizos sanitarios que a iniciativa privada non quere cubrir por non permitirlle a máxima ganancia. A xustificación é sempre a mesma: a iniciativa privada é mais eficaz que a iniciativa pública. Algo que tódalas evidencias negan con rotundidade unha vez si e outra tamén: velaí, de novo, a realidade da atención sanitaria en Europa segundo o modelo sexa público ou privado.
Un planteamento deste tipo supón que os xestores neoliberais da sanidade pública apostan por:
1. Reducir custos fixos para liberar gasto público que poda destinarse a concertar co capital privado e, xa que logo, a incrementar a presenza do capital privado na atención sanitaria pública. Velaí que unha das primeiras medidas que se toma é a redución de persoal   –sanitario e non sanitario: 1.800 prazas menos en Galiza, unha redución do 14%-. Unha redución do persoal que se acompaña dunha crecente precarización das condicións laborais dos traballadores sanitarios –un de cada tres profesionais sanitarios do SERGAS teñen un emprego precario: proliferan os contratos de un día tales que, por caso, baixas de un mes cóbrense cada día de traballo cunha persoa distinta- o que, indiscutiblemente afecta moi negativamente –como moi ben veñen denunciando repetidamente as centrais sindicais e así o ditaminou o propio Tribunal Superior de Xustiza da UE- tanto a atención os pacientes como a propia saúde dos traballadores. Precarización que se estende a  importantes servizos -como por caso os de enfermería que teñen, en moitos casos, que realizar tamén labores administrativas- e que moitas veces impídelles aos profesionais realizala atención sanitaria como quixeran, o que produce entre eles situacións de estrés e de doenzas nerviosas.
O mesmo sucede na atención primaria -1.150 profesionais menos- que foi obxecto dos maiores recortes (17%): que coñecemento dos seus pacientes e, xa que logo, que atención poden prestarlles os médicos de cabeceira con contratos por un día, unha semana?  Alguén pode pensar que nunha sanidade pública como a galega na que o déficit de persoal xa era moi relevante, logo de que as plántellas se reduciran en 1.150 prazas sanitarias na atención primaria e 650 na atención hospitalaria, non se resinte o sistema de atención?
2. Privatizar servizos estratéxicos tanto de carácter xeral -comedores, lavanderías, mantemento, telecomunicacións- como centrais -historiais clínicos, citas, radioloxía, laboratorio-  e incluso, servizos médicos -hemodiálises, oncoloxía,-. Na práctica esta decisión supón que hai tanto un indiscutible deterioro na calidade dos servizos sanitarios, coa conseguinte repercusión na atención e coidado dos pacientes, como un incremento real dos custos  que se oculta mediante enxeñería contable
3. Incrementar os concertos con empresas  sanitarias privadas, o que supón unha nova transferencia de capital público ao sector privado. Ai está o caso paradigmático do concerto singular co hospital POVISA, cun contrato renovado por dez anos –ampliables cada dous- a pesar da opinión en contra tanto do Consello de contas como do Valedor do Pobo. Concertos que non teñen unha xustificación sanitaria senón política e que supoñen que se dispare o custo da asistencia hospitalaria e que desaparezan servizos públicos de referencia.
4. Primar os grandes investimentos en infraestruturas –grandes hospitais -,  instalacións e maquinaria para negocio das grandes empresas é ruína das arcas públicas. Velaí o caso do novo Hospital de Vigo –que dun custo inicial de 450 millóns de euros pasarase a 1.880 millóns: catro veces mais-
5. Deixar que se deterioren áreas e servizos que non se consideran rendibles como moi especialmente a atención primaria –paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria do  bipartito (PSdeG/BNG) que supuxo a paralización de construción de novos centros e a conxelación de novas prazas de persoal previstas, redución no gasto (17%) que repercutiu negativamente na mellora dos equipamentos, conversión dos centros de saúde en centros dispensadores de recitas o que dispara o gasto farmacéutico e colapsa as urxencias-. Tamén servizos asistenciais como o de saúde mental –cando se coñecen determinadas realidades relacionadas coa saúde mental entendese que resulta dunha enorme irresponsabilidade que este servizo sanitario estea en tal situación de abandono-, planificación familiar (COF), drogodependencia, etc. Deterioro global que, en non poucos casos, produce desánimo en moitos excelentes profesionais sanitarios que decepcionados por non poder desempeñar nas condicións debidas a súa profesión optan finalmente por irse a privada por ver de facer o seu traballo en condicións profesionais mais dignas.
6. Abrir a porta ao capital privado –con moi fortes vínculos co PP-  tanto en actividades moi proclives a grande ganancia que solen coincidir coa alta especialización –tecnoloxía diagnóstica, oncoloxía, rehabilitación, cirurxía plástica, etc.- como en  servizos, infraestruturas e investigación.
7. Potenciar a industria farmacéutica: Galiza está entre as comunidades españolas con maior gasto farmacéutico por habitante (257 euros fronte aos 212 de media estatal).
Resulta indiscutible que estes recortes e privatizacións teñen un obxectivo político, un obxectivo de clase: desprestixiar a atención sanitaria pública, expulsar xente do sistema para que os pacientes acudan final e masivamente a atención sanitaria privada –“por que é mellor”- ou a farmacia. Un deterioro que estes mesmos políticos neoliberais provocan cando, consciente ou inconscientemente, eles ou os seus familiares, elixen a atención sanitaria privada se precisan de atención médica.
Velaí, por caso, que nos territorios onde se aplican estes criterios en política sanitaria a presenza do capital privado na mesma sexa moi elevada (https://www.fundacionidis.com/.../sanidad-privada-aportando-valor-análisis-de-situaci) en detrimento do gasto público: Galiza é, hoxe por hoxe, unha das comunidades europeas con maior presenza do capital privado na atención sanitaria (32% do gasto sanitario total para unha media do 28,5% en España que é un dos mais elevados de Europa). Presenza que é debida a precariedade do gasto público sanitario (6,6% do PIB, valor que está lonxe da media europea do 7,2% e mesmo de comunidades españolas como Estremadura (9,4%), Asturias (7,3%), Murcia (7,7%)) (https://www.msssi.gob.es/estadEstudios/estadisticas/.../egspPrincipalesResultados.pdf).
Non resulta estraño, xa que logo, que en todas e cada unha das comunidades nas que os gobernos priman a atención sanitaria privada empecen a aparecer ben doenzas que se crían superadas, ben doenzas novas que non reciben a atención precisa e que, en consecuencia, se deteriore a saúde dos seus cidadáns –maiormente das clases populares e os cidadáns mais vulnerables- e incluso se chegue a que descenda a idade media de vida.  En Europa temos hoxe como caso mas paradigmático que non único, por ser o mais castigado polos axustes, a Grecia.
De seguir por este camiño Galiza pronto acompañará a Grecia e outros estados e comunidades europeas onde o austericidio está esnaquizando a atención sanitaria pública e deteriorando o estado de saúde dos seus cidadáns, moi especialmente os mais vulnerables e/ou os con menores recursos. Deterioro que levanta cada vez mais protestas cidadáns en toda Europa.
P.D.: Moita da información recollida neste texto procede de artigos e textos publicados pola Asociación Galega para a  Defensa da Sanidade Publica (AGDSP) que se poden consultar na súa magnífica páxina web: www.fadsp.org/index.php/comunidades/galicia. Nembargantes, as avaliacións e conclusións aquí expresadas son da miña exclusiva responsabilidade

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: